En San Valentín, #Notecreaselcuento




O ROMANTICISMO PATRIARCAL





A través dos contos que nos contan, asumimos os mitos, os estereotipos, os ritos e os roles de xénero tradicionais, e mentres consumimos a ideoloxía hexemónica, entretémonos e evadímonos dunha realidade que non nos gusta. Consumindo estes produtos románticos aprendemos a soñar cunha utopía emocional posmoderna que nos promete a salvación eterna e a felicidade conxugal.

O #RomanticismoPatriarcal serve para axudarnos a aliviar un día horrible, para levarnos a outros mundos máis bonitos, para sufrir e ser felices coas historias idealizadas doutros, para esquecermos da realidade dura e gris da cotidianidade. Serve para que, sobre todo as mulleres, empreguemos cantidades inxentes de recursos económicos, de tempo e de enerxía, en atopar ese ideal que nos adore e nos acompañe na dura batalla diaria da vida.

Estamos rodeadas de afectos na nosa vida, pero se non temos parella dicimos que “estamos soas”. As que teñen parella aseguran que a soidade que senten en compañía é moito peor. Moitas mulleres seguen crendo que a parella amorosa é a solución á súa precariedade, á súa vulnerabilidade, aos seus problemas persoais.

As industrias culturais e as inmobiliarias véndennos paraísos románticos para que busquemos parella e nos pechemos en fogares felices, contornas de seguridade e aburrimento que poden chegar a converterse en infernos conxugais

As parellas de hoxe en día seguen sendo profundamente desiguais, desequilibradas, xerárquicas, e case todas practican a división de roles: heteros, lesbianas, bisexuais, gais. O amor é o reduto final no que se ancora o patriarcado. O individualismo do romanticismo patriarcal sómenos en fantasías románticas, mentres nos quitan dereitos e liberdades.

É necesario #despatriarcalizaroAmor, eliminar as xerarquías afectivas, desmitificar finais felices, volvelo a inventar, acabar cos estereotipos tradicionais, contarnos outras historias con outros modelos, construír relacións diversas baseadas no bo trato, o agarimo e a #liberdade. É necesario propoñer outros “finais felices” e expandir o concepto de amor, hoxe restrinxido para @s que se organizan de dous en dous.

Hai que deconstruir e repensar o amor para poder crear relacións máis igualitarias e diversas.
#feminismoParaVivir

Comentarios

Publicacións populares deste blog

No pregunten a Darwin: tres teorías sobre el origen del machismo

Iceberg da violencia